IV Xornadas de Parentalidade Positiva: NON ENTENDEMOS NADA

Acaban de rematar no Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade as IV Xornadas sobre Parentalidade Positiva. Alí púxose de manifesto a importancia das políticas que impulsan a parentalidade positiva, algo que Preescolar na Casa viña facendo DENDE o ano 1977, sendo referente na nosa comunidade e mesmo no estranxeiro e anticipándose a políticas e recomendacións europeas en materia de educación á infancia e ás familias.
Por iso NON entendemos nada: dende o propio Ministerio encargado destas cuestións, dise que “educar a un fillo ou a unha filla ou crear as condicións necesarias para o seu pleno desenvolvemento supón unha gran responsabilidade, principalmente de ámbito privado, pero tamén son lexítimos os apoios das Administracións Públicas para facilitar a pais e nais esta tarefa. (Ver web do Ministerio referente ás Xornadas). Aquí, o apoio das Administracións, córtase.
En palabras do propio Secretario de Estado de Servizos Sociais e Igualdade, Juan Manuel Moreno, o Ministerio que dirixe Ana Mato propón establecer coas administracións autonómicas e locais, así como con ONGs, expertos e profesionais, un marco de colaboración que faga realidade a expansión dos valores da parentalidade positiva en moitas das políticas sociais que se poñan en práctica. NON entendemos nada: aquí, o marco de colaboración, lonxe de intensificarse, rómpese.
Juan Manuel Moreno, Secretario de Estado, di: “Temos que ir substituíndo o enfoque tradicional de atención ás familias baseado en problemas e reaccións, por outro enfoque baseado nas capacidades e potencialidades das familias e dirixido á prevención”. (Ver web da Nota de Prensa do Ministerio). NON entendemos nada: precisamente isto é o que Preescolar na Casa viña facendo dende hai máis de 35 anos e que agora, incomprensiblemente, se deixa sen financiamento.
NON entendemos nada: o que expertos, políticos e recomendacións europeas din que hai que facer é o que nós faciamos. Nestes foros apóstase por algo que aquí xa existía…
O desempeño positivo do rol parental ou a parentalidade positiva defínese como o conxunto de condutas parentais que procuran o benestar dos nenos e nenas e o seu desenvolvemento integral desde unha perspectiva de coidado, afecto, protección, enriquecemento e seguridade persoal, de non violencia, que proporciona recoñecemento persoal e pautas educativas. Inclúe tamén o establecemento de límites a nenos e nenas para promover o seu completo desenvolvemento e o sentimento de control da propia vida para que poidan alcanzar os mellores logros tanto no ámbito familiar como no académico, cos amigos e no entorno social e comunitario. O informe de UNICEF sobre a infancia do ano 2007 concluía que os nenos holandeses eran os máis felices dos países desenvoltos. Neste informe destacaban, entre outros factores, as boas relacións existentes entre pais e fillos, o maior tempo que dedicaban, o clima de flexibilidade e de liberdade que se respiraba nas familias, ou a menor presión que os nenos e nenas recibían dende a escola.
Preescolar na Casa tentaba favorecer a parentalidade positiva. Traballaba a parentalidade positiva con xuntanzas cos pais e nais (Espazos das Familias), dende os programas de radio, dende o programa de televisión, dende a revista, dende a web, en charlas educativas, …en fin,… NON entendemos nada.

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag