Educación no rural

A seguinte carta foi publicada no diario El Progreso o 21 de setembro de 2012. Damos o noso agradecemento unha vez máis a todas as persoas e institucións que fixeron público o seu apoio a Preescolar na Casa.

Neste comenzo de curso as familias do rural galego asisten entre perplexas e indignadas a un recorte salvaxe do ensino de infantil e primaria, porque parece ser que o ensino no rural sae moi caro para Galicia. Así a Consellería de Educación sí parece ter cartos para dar 3 millóns de euros a moi determinados colexios privados con separación de sexos nas aulas, a pesar da sentenza xudicial en contra, pero non hai cartos para paliar o efecto dominó de peches de escolas unitarias (ata 40 escolas unitarias e supresión de 54 mestres só na provincia de Lugo).

E se buscan solucións para integrar na estrutura da Consellería de Educación, a unha Fundación que leva o nome dun Premio Nobel Galego, despois dunha vergoñenta traxectoria de desfalcos e escándalos económicos. Pero non atoparon medios de salvar Preescolar na Casa, que tería necesitado 250.000 euros de fondos propios da Xunta, que coa financiación de fondos da UE, tería permitido este curso a continuidade de asistencia a máis de 3500 nenos de familias do rural galego, e a continuidade de 32 postos de traballo, algúns con máis de 20 anos de antigüidade.

Forzar o abandono no rural galego por parte das familias pechándolles servizos fundamentais, nin nos vai sacar de ningunha crise, nin nos vai aforrar cartos. Canto vai custar manter o 80% do territorio galego, cando non haxa poboación para xestionalo? Canto vai custar cando xa non haxa agricultores e gandeiros no noso rural, non contar con produción de alimentos no campo galego, si xa agora os galegos temos un déficit de 600 millóns de euros ao ano, entre os alimentos que producimos en Galicia e aqueles que consumimos? Canto máis vai custar protexer o monte dos lumes, cando non haxa prados, pastos e cultivos que fagan de cortalumes naturais? Canto vai custar a ruína do  noso patrimonio arquitectónico, histórico e cultural se non queda quen o habite e coide?

Unha praza nunha escola rural, non ten porque ser máis cara que unha nun entorno urbano, si se emprgan os fondos europeos para desenvolvemento rural e cohesión económica e social da Unión Europea. Pero para iso primeiro de nada hai que querer e logo saber.

Manter un ensino de calidade no rural galego non é caro para a nosa sociedade. Dar por boas políticas antisociais e irresponsables, sí pode saír caro.

Verónica Marcos (UU.AA) Lugo

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag